o couceiro non para
A WEB DE EDUCACIÓN FÍSICA DO CEIP COUCEIRO FREIJOMIL
5º DE PRIMARIA
AQUÍ TEDES OS VOSOS VÍDEOS.
MOITAS GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN
actividades para a semana do 8 de xuño
Ola a todos e todas!
Non teño ningunha dúbida que estaredes facendo exercicio ao aire libre agora que se pode salir nesta desescalada. Por suposto, cumprindo as normas básicas de saúde. Dende o cole seguimos propoñendo diferentes actividades, esta semana temos algo de equilibrio, exercicios con globos e un pouquiño de coordinación coas mans. Veña que queda pouco! Seguimos esperando os vosos vídeos!
actividades para a semana do 1 de xuño
Esta semana toca un pouco de todo. Temos exercicios cunha pica ou pau de vasoira, un xogo de puntería facendo un pouquiño de reciclaxe, un baile de hip-hop e unha proba de coñecemento sobre os deportes.
actividades para a semana do 25 de maio
Aquí tedes algúns retos dos vosos compañeiros. Intentade superalos! Hai retos de todo tipo. Seguimos esperando máis desafíos para as vindeiras semanas. Animádevos!
XOGOS TRADICIONAIS
A semana pasada celebramos o "Día das Letras Galegas". Como ben sabedes este ano o escritor homenaxeado é Ricardo Carvalho Calero, quen naceu e pasou a súa infancia, nada máis e nada menos que na veciña cidade de Ferrol. E que mellor maneira de rendirlle homenaxe que dar un paseo virtual polas súas rúas e prazas,escenario dos xogos da súa infancia que imos ver a continuación:
No seguinte enlace tedes unha imaxe interactiva na que atoparedes 6 ideas de
xogo tradicional que, se non coñecedes, seguro que na vosa casa vosos pais ou avós sí que coñecerán. Podedes mandar un pequeno vídeo practicando un deses xogos ou, se pode ser, outro xogo tradicional que vos contaron na casa.
Procurade deixar ben clariño nas fotos ou nos vídeos o nome do xogo tradicional que escollestes.
Non vos esquezades de enviar a actividade xunto co voso nome e o curso!
actividades para a semana do 18 de maio
Xa estamos a mediados do mes de maio, xa queda menos para rematar un curso escolar que recordaremos para sempre. Tivemos que estar dentro das nosas casas por culpa dun virus que rompeu a nosa vida diaria habitual. De todos modos, a Educación Física é unha asignatura que se adapta a calquer espazo e podemos ter infinidade de posibilidades de xogo ou exercicio simplemente aproveitándonos da nosa imaxinación. A nosa misión estas semanas é intentar darvos unha serie de propostas para que intentedes levar esta situación da mellor maneira posible, pero encántanos comprobar neses vídeos e fotos que enviades a vosa iniciativa para inventar novos exercicios, xogos, circuítos,...,
Esta semana propoñemos un xogo, un baile e unha proposta. Imos aló!
1. Xogo de velocidade de reacción. Mirade o vídeo.
2. Aproveitando o día das Letras galegas aquí tedes un vídeo que mostra uns pasos moi sinxelos para iniciarnos no baile da muiñeira. Non teñades vergoña, o baile é unha boa maneira de facer exercicio.
3. A proposta é que pensedes calquer reto físico que se vos ocurra, pode ser para calquer tipo de idade, e desafiedes aos vosos compañeiros/as do colexio a facelo. Para a vindeira semana os poñeriamos na páxina web para que os demáis nenos e nenas do cole os poidan ver e intenten superalos.
Espero os vosos retos!!! Recordade o correo couceironacasaef@gmail.com
actividades para a semana do 11 de maio
Boas rapaces e rapazas, que tal vai todo? Imaxino que ao pode saír á rúa as cousas comezan a verse doutro xeito. Pouco a pouco iremos saíndo de todo isto.
Dende hai varias semanas dende o equipo de Educación Física fomos propoñendo diferentes actividades, xogos, exercicios, bailes, retos,... para que levarades o voso tempo nas casas da mellor maneira posible.
Gustaríanos moito que a partir desta semana, e sen ningún tipo de presa, forades mandando imaxes, vídeos, words (o que queira mezclar foto e texto), fotos de folios con debuxos (de algún circuíto caseiro por exemplo),... de calquer tipo de actividade que propuxemos dende
esta páxina web.
Para poder envialo temos un correo electrónico que está esperando as vosas mensaxes. O correo é couceironacasaef@gmail.com. Poñede o nome e o curso cando mandedes o correo.
Ánimo e a moverse, o Couceiro non para!
un para gañar
Esta semana imos recordar un programa que tivo un certo éxito no noso país, "Uno para ganar". Presentado por Jesús Vázquez, este concurso de televisión consistía nunha serie de retos, máis ou menos complicados, que os concursantes debían realizar en menos dun minuto.
O programa tivo tamén éxito noutros paises e por iso doutro lado do Atlántico cheganos esta recompilación de retos do programa. A pesar de que ao comezo tedes unha serie de instrucións vosoutros podedes establecer as vosas propias regras.
Veña, a pasar un rato divertido en familia!
MÁIS PROBAS AQUÍ
actividades para a semana do 4 de maio
Esta semana propoñemos dúas actividades. Un magnífico xogo de mesa e uns exercicios para facer polo corredor da nosa vivenda.
Se non tedes compañía para xogar podedes intentar facer o recorrido no menor tempo posible.
Moitas cousas podemos facer no noso corredor. Cun pouco de imaxinación e calquer material para marcar unha superficie podemos conseguir un espazo moi dinámico e divertido.
actividades para a semana do 27 de abril
Veña que queda menos! Animádevos! Esta semana as actividades que vos propoñemos as imos dividir en tres apartados: un pouco de baile, un circuíto de actividades e un xogo con letras.
1. Escollede o vídeo que máis os motive para movernos un pouquiño con Can´t stop the feeling!
2. Imos a traballar un pouco de cardio. Aquí tedes dous circuítos diferentes. No da dereita son 10 minutos facendo 30 segundos de exercicio e 20 segundos de recuperación. No da esquerda son 4 minutos con 20 segundos de actividade e 10 segundos de descanso.
3. Un xogo que xa coñecedes: LETRAS FÍSICAS.
actividades de semanas anteriores
A nivel xeral propuxemos para esta situación tan especial que cada familia (de maneira voluntaria) mandara unha foto ou un video de non máis de 10 segundos onde estén xogando, facendo exercicio ou calquera actividade física (poden ser os nenos/as solos ou coa familia). #NoCouceiroQuedamosNaCasa é o resultado das vosas aportacións.
Moitas grazas a todos e a todas.
En canto as propostas para estes días podemos comezar coa visualización deste video. Nos pode servir para reflexionar sobre a nosa situación actual. comentádeo tamén coa vosa familia.
Animádevos a bailar un pouco. A canción fala do que estamos pasando.
Intentade xogar ao volei con globos!!!
COREOGRAFÍAS
Que o baile é unha actividade física moi beneficiosa para a saúde e un exercicio moi completo para poñernos en forma non é nada novo.
A Zumba é un baile fácil e divertido que esconde unha enorme cantidade de beneficios para o corpo.
É una disciplina de fitness enfocada por unha parte a manter un corpo saudable e por outra a desenvolver, fortalecer e dar flexibilidade ao corpo mediante movementos de baile combinados cunha serie de rutinas aeróbicas.
Consellos:
+Realiza o baile nun lugar seguro.
+Antes de facer o baile asegúrate de que é un lugar adecuado.
+Faino con roupa e calzado cómodo.
+Podes facer cada baile ou coreografía varias veces todos os días.
+Se podes facela acompañado/a será máis divertido.
+Entre cada repetición do baile, realiza un pequeno descanso e bebe auga.
CIRCUÍTO
-
Inventar un circuíto pola casa intentando traballar o maior número de habilidades posibles: desprazamentos diferentes (de pé, de xeonllos, de costas, talóns, catro patas...), saltos, xiros, lanzamentos, recepcións, equilibrios…
-
O importante é a imaxinación, hai cousas na casa que vos poden servir. Por suposto con coidado e sen facer loucuras.
-
Se queredes, pasádeo a un folio e cando volvamos ás clases o traedes e o vemos.
-
Estes son algúns exemplos que vos poden servir de axuda:
UN POUQUIÑO DE IOGA PARA RELAXARNOS
O ioga é un conxunto de disciplinas físicas e mentais que tiveron a súa orixe na India. O noso principal obxectivo, ademáis de fortalecer e estirar o noso corpo, é conseguir relaxarnos. Busca un lugar cómodo e experimenta un pouquiño de ioga.
TAREFAS DE QUECEMENTO
Busca diferentes maneiras de movilizar as articulacións seguindo a orde establecida:
-
Nocellos.
-
Xeonllos.
-
Cadeiras.
-
Columna vertebral.
-
Ombreiros.
-
Cóbados e pulsos.
-
Pescozo (con moito coidado).
PRACTICA EXERCICIOS NUNHA ESCALEIRA DE COORDINACIÓN
A escaleira de coordinación é unha ferramenta moi simple que podemos utilizar para mellorar a nosa coordinación. A práctica da escaleira ten múltiples beneficios: mellora da coordinación, equilibrio, axilidade e velocidade de pes. Debemos comezar con exercicios simples e ir pouco a pouco introducindo algúns máis complicados.
Podes fabricala con calquer tipo de material: cinta, corda, tiza ou calquera material que teñas pola casa. A continuación tedes varios vídeos para comezar a practicar..
Podes utilizala máis adiante como unha mariola para xogar no tempo libre.
ELABORA BOLAS DE MALABARES DE ARROZ
O malabarismo é a arte de manipular e executar espectáculos con un ou máis obxectos á vez. Aquí tedes varios vídeos para construir pelotas malabares. Unha vez feitas podemos comezar a practicar cunha bola, con dúas,... seredes capaces de malabarear con tres?
30 MINUTOS DE EXERCICIO FÍSICO
Aquí tedes un vídeo moi completo para facer exercicio durante 30 minutos. Aproveitade as pausas para recuperar.
Veña que podedes!!!
ACTIVIDADES CO PAPEL HIXIÉNICO
Os materiais de reciclaxe están sendo moi valiosos para esta situación de confinamento. Moitas veces nas casas non temos o material necesario para facer diferentes xogos ou actividades pero se faemos un pequeno esforzo e botámoslle imaxinación nos daremos conta de que calquer material pode servirnos para desfrutar dun momento lúdico.
Sen lugar a dúbidas, un dos obxectos estrela destas datas é o papel hixiénico. Estamos cansados de ver bromas e actividades diferentes que podemos facer co papel. Pois o Couceiro non vai quedar atrás e vos vai propoñer diferentes retos, actividades e xogos que podedes realizar co papel hixiénico.
OS 10 RETOS
XOGOS POR EQUIPOS, PARELLAS OU UN CONTRA UN
- Carreiras de relevos: levando rolos de papel dun lugar a outro para construir torres, quitar torres, levalos en equilibrio, levalos variando os desprazamentos.
- Quen construirá a torre máis alta?
- Quen colocará máis rolos de papel pegados á parede facendo unha torre horizontal?
- Quen meterá máis rolos nunha cesta dende unha distancia?
- Quen meterá máis rolos na cesta caendo de costas e lanzando coas pernas?
- Por parellas, levamos tres rolos e ao chegar ao outro lado soltamos o do medio na cesta ou no chan para facer unha torre.
- Por parellas levamos o rolo facendo presión entre as dúas testas. seremos capaces de levar dous ou tres.
E moitas opcións máis!!!
AQUÍ TEDES UN VÍDEO CON ALGUNHAS ACTIVIDADES E RETOS
FACEDE UNHA HAKA COA VOSA FAMILIA
O HAKA é unha danza tradicional Maorí, históricamente utilizada para diferentes ocasións como desafío a rivales na guerra, e cando facíase a paz entre grupos. Hoxe en día síguese levando a cabo en distintas ocasións como bodas, celebracións, signo de hospitalidade e como reclamo turístico en distintos lugares de Nova Zelanda.
Consiste nun baile composto por percusión corporal e canto. Faise ao unísono, e entre os movimentos rítmicos que o caracterizan encóntranse: fortes pisotóns no chan, movimentos de brazos, mans temblorosas e os singulares xestos faciais que poñerían nerviosa a máis dunha persoa.
Pode ser representada tanto por homes como por mulleres, pero o certo e que hai algunhas hakas específicas para cada sexo.
O haka coñécese a nivel mundial gracias á selección nacional de rugby de Nova Zelanda, os All Blacks, recentemente premiados co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2017.
Animádevos a pasar un rato agradable, diferente e simpático. As risas están aseguradas!!!
Ademáis sóltase moita enerxía!!!
SON PROPOSTAS DE ACTIVIDADES PARA QUE AS POIDADES FACER SE VOS APETECE. LEMBRADE QUE O EXERCICIO FÍSICO É FUNDAMENTAL PARA A NOSA SAÚDE E SOBRE TODO NUNHA SITUACIÓN TAN ESPECIAL COMO A QUE ESTAMOS A VIVIR.